Fai case un cuarto de século que un reducido grupo de amigos, galegos todos, puxeron a semente do que hoxe é a Xuntanza. A necesidade de sentirse máis preto a pesar de estar a moitos kilómetros de distancia da súa querida terra e de recuperar e dar a coñecer a súa cultura e costumes foi unha das causas da posta en marcha desta entrañable entidade.
Os primeiros anos da «Xuntanza de Galegos de Alcobendas» foron duros ata que se consolidou. A piques estivo, incluso, de desfacerse. Sen embargo, a partir de 1995 comezou a rexurdir. Pasaron de reunirse e organizar a súas actividades nos barracóns do Barrio 5, (tal e como lembra Fernando Gómez, secretario da asociación) a dispoñer dun espacio na Casa das Asociacións e de completo apoio municipal. «Empezou a haber máis movemento, a organizarse actividades, cursos, excursións … e tamén aumentou o número de socios», di Ovidio Cadenas, presidente da Xuntanza.
Da media ducia de persoas que crearon a asociación pasaron, en 24 anos, a case un milleiro. «Socios, hainos de todas as idades. Dende os catro anos ata os noventa. Non todos son galegos senón fillos, netos ou simpatizantes».
En 1997 creouse o grupo de gaitas e tamén o de baile. Co tempo, completouse cos cursos de bolillos, clases de galego, coral, conferencias, ceas, reunións, viaxes… Tanto é así, que todolos días, incluídos fins de semana, hai actividades na Xuntanza, que se atopa ubicada na Casa das Asociacións.
«O obxectivo fundamental que nos move é vivir Galicia e dar a coñecer a súa cultura, a súa gastronomía, o seus costumes, as súas xentes. Antes sentíamos mais «morriña» pero creo que xa non é así. En Alcobendas sentímonos ben. Hai unha integración total. Dende o principio, a acollida e o trato, tanto de veciños como do Concello, foron bos», afirma Ovidio Cadenas.
A Xuntanza, segundo explica o seu secretario, conta con algúns socios honoríficos. «Un deles é o alcalde de Alcobendas, José Caballero. Tamén Julio César Lendoiro, presidente do «Depor», o periodista Julio Lombao e o coreógrafo Juanjo Linares, entre outros». Son de sobra coñecidas algunhas das actividades que durante o ano prepara e organiza a Xuntanza de Galegos.
¿Quen non visitou a tradicional Feira do Marisco que se celebra no mes de abril? Este ano cumpre a súa sétima edición e terá lugar os días 30 de abril e 1, 2, 3 ,4 e 5 de maio, no recinto feiral. Tamén hai que falar, seguindo coa gastronomía, da «Festa do polbo a feira e do mexillón» que tivo lugar fai algunhas semanas, das sardiñadas ou da Quincena Gastronómica. No aspecto cultural destaca o «Día das letras galegas», que se celebra no mes de maio, así como conferencias e recitais poéticos.
Tampouco poden esquecerse a celebración do «Día de Galicia», que, como non podía ser de outra maneira, se conmemora o 25 de Xullo, festividade do apóstolo Santiago, e o «Magosto», en novembro, festa tradicional na que se reparten castañas e viño. Asemesmo, participan en festas e eventos municipais como poden ser a cabalgata de reis, a ofrenda floral á Virxe da Paz, o Antroido ou a festa de San Xoán.
A pesar do seu interese por conservar e fomentar o seu galeguismo, en ningún caso son unha entidade cerrada. «A Xuntanza de Galegos de Alcobendas” di o seu secretario está aberta a todo o mundo, de feito temos socios de toda a zona norte e, por suposto, non teñen por qué ser galegos».